ZAATARI RECIBE Á ESCOLA DE XADREZ DE PONTEVEDRA.
21 de abril de 2019
Tras o traballo destes días no campo de
refuxiados de Azraq, entramos por primeira vez en Zaatari. Aberto en 2011, é o
campamento máis grande de Oriente Medio, acollendo a máis de 80.000 persoas obrigadas
a fuxir da guerra en Siria.
Nunha primeira impresión percíbense as
dificultades dunha construción acelerada pola emerxencia da situación. O
campamento foi instalado en nove días e foi crecendo en diversas etapas desde
entón. Azraq abriuse precisamente (en 2014) porque Zaatari estaba totalmente
desbordado.
No medio dun deserto e cun control de
acceso, Zaatari aseméllase a unha cidade. O que nun principio parecía temporal
está a converterse en permanente. Pasou de ter tendas de campaña a refuxios
prefabricados, pequenos espazos onde vive unha familia enteira.
A
diferenza de Azraq, que se organiza en vilas, Zaatari divídese en distritos.
Estes, forman precarios camiños de terra e pedras con “mercados” repletos de
pequenos postos nos que se recupera forzosamente o troco.
Unha vez dentro, dividímonos en tres grupos
e cada un diríxese a un distrito: 5, 9 e 12. Traballamos nos Centros Makani,
que, sen esquecer as limitacións de situarse nun campamento de refuxiados,
parécennos un bo exemplo de autogestión. Unicef ofrece formación e recursos,
pero son os propios sirios os que imparten clases e organizan as actividades do
centro.
Á marxe da difícil situación que viven as
persoas refuxiadas, a sensación que nos levamos destes 3 centros é moi
positivo. Como eles mesmos din, son como unha gran familia. O persoal encargado
fainos sentir como na casa, participan activamente nas nosas clases, móstranse
moi próximos no trato e na axuda que nos prestan…
O alumnado impáctanos tamén, destacando o
seu alto nivel de atención e interese e as súas habilidades para resolver os
problemas matemáticos que incluímos nos Manuais.
0 comentarios:
Publicar un comentario